見出し画像

Dúas novas bocas e un aumento da actividade explosiva obriga a evacuar máis barrios da Palma

O volcán da Palma sumou nas últimas horas dúas novas bocas eruptivas, e non unha como se informou inicialmente, que verten lava fluída que avanza ladeira abaixo, informaron o Instituto Volcanológico de Canarias (Involcán) e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME).
O IGME precisa que os ríos de lava percorreron preto dun quilómetro ladeira abaixo antes de expandirse e engrosarse o lóbulo, a unha velocidade ao redor dos 60-80 metros por hora.

O servizo de traballos aéreos do IGME informa de que debido ao incremento da actividade explosiva e intensidade de choiva piroplástica asociados á apertura destas dúas novas bocas tivéronse que desprazar á zona de exclusión na parte alta de Tacande.

Entre 300 e 400 veciños que aínda permanecían nos barrios de Tajuya, Tacande de Abajo e Tacande de Arriba, na Palma, tiveron que abandonar as súas casas en menos de quince minutos, ao verse de súpeto expostos á posible caída de material piroclástico pola maior explosividade do volcán. Dixéronlles que, en principio, non hai perigo de que chegue a lava aos seus barrios, pero que deben afastarse polo material que as últimas horas expulsa o volcán ao aire, explica unha veciña.

Con estas novas evacuacións, xa son máis de 6.200 os veciños que tiveron que abandonar as súas casas dende o comezo da erupción volcánica.

O volume de emisión de cinzas intensificouse, ata o punto de que as compañías aéreas que operan conexións coa Palma desde outras illas do arquipélago das Canarias tiveron que cancelar unha trintena de voos. Binter cancelou tamén as súas operacións en Tenerife Sur e Iberia Express en Tenerife Norte.

A consecuencia disto, a ministra Darias tivo que anular a súa visita á Palma prevista para este sábado.

Uns datos nos que redundan as últimas medicións do sistema de observación europeo Copernicus: lava calcinou 190,7 hectáreas e destruíu ao seu paso 420 edificacións e 15,2 quilómetros de estradas, o que supón que en só dezaoito horas o magma ocupa 10,6 hectáreas máis de terreo e devorou 30 inmobles. Estas cifras irán en aumento con toda probabilidade, dado que as estimacións de Copernicus baséanse en medicións da véspera.

Por outra banda, os expertos indican que a coada máis avanzada (a que alcanzou a zona de Todoque, de 1.200 habitantes) practicamente non se move e non se sabe se finalmente chegará ao mar. Con todo, a que permanecía parada reactivouse (avanza a uns 12 metros por hora, aínda que chegou a picos de 33 metros/hora) e transporta restos do cráter tras as explosións do mércores.

A columna eruptiva alcanzou unha altura de 6 quilómetros sobre o nivel do mar e xa se detectaron cinzas finas na próxima illa canaria da Gomera. A sismicidade continúa en baixos niveis, á vez que se descarta que se produza choiva aceda nas próximas horas. As deformacións do chan seguen mostrando unha tendencia estable e a estimación da taxa de emisión de dióxido de xofre (SO2) á atmosfera continúa en taxas superiores ás 12.000 toneladas diarias.

(日本語版)

ここから先は

1,365字
この記事のみ ¥ 500

この記事が気に入ったらチップで応援してみませんか?